O BNG pídelle ao Goberno Local maior planificación nos eventos que se organicen nas rúas da cidade

Desde a formación nacionalista sinalan que as rúas escollidas para o percorrido da chegada de Papá Noel “non foron as máis acaídas pois provocaron graves problemas de circulación, supondo un risco e dificultando o tránsito dos vehículos de emerxencia”
No BNG entenden que o lóxico sería ter empregado rúas peonís ou de acceso de tráfico restrinxido polo que lle piden ao Goberno Local “unha maior planificación en eventos futuros”
Ourense, 22 de decembro de 2023. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense , unha vez avaliado o acontecido co evento organizado polo Concello e relativo á chegada de Papá Noel á Praza Maior e logo de ter recibido múltiples queixas veciñais, pídelle ao Goberno Local unha maior planificación e organización de cara aos eventos futuros.
Desde o BNG e tal e como sinala o seu Portavoz Luís Seara, “non entendemos porqué motivo o percorrido empregado non discorreu por rúas de tráfico restrinxido tal e como se tiña feito ao longo dos últimos anos e evitar así o colapso do tráfico nas principais arterias da cidade, nunhas datas nas que xa de por sí, se produce un aumento moi significativo da circulación de vehículos”.
No BNG sinalan que o caos circulatorio de onte pola tarde, ademais de afectar as e aos conductores en xeral, “dificultou tamén o tránsito de vehículos de emerxencia, os cales viron aumentado o seu tempo de resposta”.
Seara entende que esta situación teríase minorado “se, ao igual que se fixo noutros anos, o percorrido escollido fose a través de rúas peonís ou de acceso restrinxido o que provoca que a incidencia na circulación sexa moito menor”.
E é que tal e como relatan desde a formación nacionalista, ao longo da tarde onte “foron moitas as veciñas e veciños que nos trasladaron as queixas polo caos provocado, motivo polo que lle pedimos ao Goberno Local que de cara a futuros eventos, teña estas cuestións en conta e que mesmo se deixe asesorar polos técnicos ou polos responsables municipais expertos ou con competencias na materia”.
Críticas ao uso de animais vivos durante o nadal.
Desde o BNG cuestionan tamén, e unha vez máis, o emprego de animais vivos nos eventos de nadal. “Ademais de estarse incumprindo un acordo plenario, e por moito que o Alcalde se ampare na lexislación, a día de hoxe existen alternativas. O Goberno amosa a súa falta de sensibilidade pois e stase a trasladar unha mensaxe equivocada ás nenas e nenos no relativo ao trato cos animais. Entendemos que o Goberno tamén ten entre as súas obrigas a de facer pedagoxía”.