O grupo municipal socialista conseguiu que se aprobara por unanimidade recuperar o parque infantil de tráfico e que se lle dea o nome de Olga Gallego a unha rúa ou praza de Ourense

“Ten que facerse dende idades moi temperás, dun xeito lúdico, para salvar vidas e previr lesións”, destacou a edil Cristina Cruz na defensa da primeira iniciativa

A portavoz do PSdeG, Natalia González, lamentou que o alcalde prologase o proxecto de rueiro feminino elaborado polo Consello Municipal de Igualdade no 2019, coa colaboración de toda a oposición que realizou aportacións, e a día de hoxe nada se fixera por poñelo en práctica

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 12 de xaneiro de 2024. O grupo municipal socialista conseguiu, na sesión plenaria ordinaria de xaneiro, que se aprobase por unanimidade da corporación a recuperación da actividade do parque infantil de tráfico que pechou as súas portas durante o curso 2017/2018. Neste senso, a moción que defendeu a edil Cristina Cruz recolle a importancia de educar dende a infancia para que os adultos e adultas do futuro transiten polas vías dun xeito respectuoso e responsable.

Fixo referencia, durante a súa intervención, dos datos que se publicaron nos medios de comunicación recentemente e segundo os cales Ourense rexistrou o pasado ano o maior número de falecidos en sinistros dende o 2011: 24 persoas morreron nas carreteiras. “Somos conscientes de que se imparten obradoiros nos colexios e institutos nos que traballan profesionais da Garda Civil ou Protección Civil, e incluso de xeito altruista outros técnicos de educación vial, pero non é suficiente”, incidiu.

Así mesmo, co apoio de todos os grupos aprobouse instar a outras institucións e administracións con responsabilidade na materia (como a Dirección Xeral de Tráfico ou a Deputación) a que colaboren aportando os medios técnicos e humanos que lles sexa posible para contribuír á formación do alumnado de toda a provincia. “Ten que facerse dende idades moi temperás, dun xeito lúdico, para salvar vidas e previr lesións”, destacou.

“Os obxectivos de desenvolvemento sostible, incluídos na Axenda 2030, perseguen un tipo de cidades seguras. E é cara aí a onde ten que redirixirse a formación dos e das estudiantes, fomentando tamén os novos medios de mobilidade”, puntualizou a edil na sesión desta mañá.

Por outra banda, tamén conseguíu o grupo municipal socialista o apoio unánime da corporación para que Ourense lle dea o nome dunha para ou rúa á historiadora, arquivista, escritora e pioneira Olga Gallego e se inicie un expediente de honra á súa figura. E neste caso a edil que defendeu a iniciativa foi a portavoz dos e das socialistas, Natalia González, que non quixo deixar de lembrar a todas as mulleres que romperon teitos de cristal e grazas ás cales se abriron novos camiños para todas.

Sinalou a tamén secretaria xeral do PSdeG na cidade que, tal e como escribiu Marie Shear, “Feminismo é a idea radical de que as mulleres somos persoas”. E isto implica tamén que o xeito de comprender e nomear os espazos do noso arredor debe mudar á mesma velocidade á que o fai a sociedade de cara á equidade.

Finalmente, lamentou que o alcalde prologase o proxecto de rueiro feminino –elaborado polo Consello Municipal de Igualdade no 2019 coa colaboración de toda a oposición que realizou aportacións e a día de hoxe nada se fixera por poñelo en práctica– así como que o Concello non organizase ningún acto para homenaxear a súa memoria durante 2023 (ano do centenario do seu nacemento).