O grupo municipal do Psdeg de Ourense critica que o espazo Lusquiños leve un ano pechado e abandonado e a ausencia de políticas municipais para a mocidade

“Vimos aquí a lamentar a morte deste lugar que conlevou tamén a desaparición da programación de actividades para a xente nova”, sinalou a edil do PSdeG e secretaria xeral de Xuventudes Socialistas na cidade, Alba Iglesias

Fixeron un chamamento á mocidade para que non se distraia coas luces e a música das orquestras durante este entroido: “Non permitades que a música alta e as luces de cores non vos deixen ver nin oír”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 22 de xaneiro de 2024. Dende o grupo municipal socialista critican que o Espazo Lusquiños chegara, este fin de semana, ao seu primeiro cabodano e o edificio se atope nun estado de absoluto abandono. “Tanto dende XX.SS. como dende o GMS vimos aquí a lamentar a morte deste lugar que conlevou tamén a desaparición da programación de actividades para a xente nova”, sinalou a edil do PSdeG e secretaria xeral da organización xuvenil na cidade, Alba Iglesias.

Os e as integrantes de Xuventudes Socialistas realizaron unha ‘performance’, con cirios e vestidos de negro, ás portas do edificio en cuxa fachada se pode apreciar o mal estado de conservación e o desleixo por parte do goberno de Jácome. “Despedimos o último recuncho de encontro seguro e inclusivo. Aquí descansan tamén centos de maquetas, das cales moitas chegaron a converterse en discos de éxito, descansan os soños de moitos músicos emerxentes”, expuxo acompañada do secretario xeral das XX.SS de Galicia, Xurxo Doval; Ainoa Rodríguez e Miguel Gómez, todos eles integrantes da lista pola provincia de Ourense ao Parlamento.

Así mesmo, indicouse que non só as instalación caeron no esquecemento do executivo local, senon que tamén o fixo a Concellería de Xuventude, pese a que o equipo de Jácome si conta cun ténico para este eido. “Cales son as súas competencias ou os proxectos que ten non o sabemos. O que si sabemos é que se trat dun íntimo amigo do rexedor”, sostivo Iglesias.

Nesta liña, a concelleira engadiu que na actualidade nin sequera se podería cualificar ás instalación como “unha trapallada”, tal e como facía o alcalde, porque só semella un esqueleto de edificio público en pésimo estado “á espera de ser privatizado”, como anunciou hai uns meses. “Este antigo estudo de gravación debería continuar sendo para os novos artistas da cidade, non para músicos profesionais. Privatizalo implica lucrarse. Pero sempre nos atopará de fronte, defendendo o público, defendendo o que é de todos e non de quen o pode pagar”, afirmou.

Tamén fixeron un chamamento á mocidade para que non se deixe distraer polas luces e a música das orquestras durante as festas en xeral e moi particularmente neste entroido: “Non deixedes que a música alta e as luces de cores non vos deixen ver nin oír. Non podemos permitir que o ruído non nos deixe levantar as voces”.