O grupo provincial socialista presenta nos Peares unha iniciativa para crear e financiar centros de atención ás persoas maiores

“Ao PP só lle importa a xente do rural cando chegan as eleccións: veñen, montan o decorado, prometen moito e logo non fan nada!”, declara Nacho Gómez, deputado provincial e candidato nas autonómicas

Carmen Dacosta chama a “implementar un plan de choque, dotar de servizos a todas e todos, independentemente do seu lugar de residencia, e reverter a situación que vivimos”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 23 de xaneiro de 2024. O Grupo Provincial Socialista presentou nos Peares a súa iniciativa para a creación e financiación de centros de atención a persoas maiores en colaboración cos concellos, que será presentada no Pleno da Deputación de Ourense do vindeiro venres. Deputados provinciais, acompañados dos cabezas da lista socialista por Ourense para as eleccións autonómicas, pero tamén de veciñas e veciños da contorna, compareceron na explanada –devida vertedoiro!– onde o PP anunciou en 2020 un proxecto de construción dunha residencia de maiores de 60 prazas que, segundo se asegurou entón, crearía uns 25 postos de traballo. “Ao PP só lle importa a xente do rural cando chegan as eleccións: veñen, montan o decorado, prometen moito e logo non fan nada! Como ocorre noutros moitos puntos da nosa provincia, Os Peares ten que deixar de ser un reclamo electoral para Feijóo e os seus, que non abordan en serio as realidades, necesidades e históricas reclamacións dos concellos”, declarou Nacho Gómez, deputado provincial e número 2 na lista socialista ao Parlamento de Galicia.

“Non podemos continuar a tolerar a situación de desleixo na que o PP mantén á nosa xente”, sentenciou Gómez, deputado provincial polo Ribeiro pero cuxa familia é orixinaria dos Peares. Ourense é a provincia máis envellecida de Galicia, tendencia que se afianzará nos próximos anos. Un 36,5% dos habitantes da provincia de Ourense terán 65 anos ou máis no ano 2037, máis de catro puntos por riba da media galega (32,4%), segundo proxeccións do Instituto Galego de Estatística, representando un incremento case que 5 puntos con respecto á actualidade (31,8%). Para o candidato socialista, “só o podemos cambiar coa axuda de veciñas e veciños, comprendendo que hai facer unha auditoría sobre estado de cousas certo da atención aos nosos maiores para atender ás necesidades reais e mellorar a eficiencia na utilización dos recursos públicos, apostando mesmo por novos modelos de xestión directa en colaboración cos concellos, multiplicando residencias públicas sufragadas pola Deputación de Ourense para que poidan prestar servizo a pequenos núcleos de poboación, tal e como Xosé Ramón Besteiro fixo na provincia de Lugo”.

Un futuro para o rural

Os socialistas arremeten contra os “anuncios grandilocuentes que rematan en nada”, o celo do PP en “poñerse medallas constantemente” e “a distancia que existe entre a campaña constante dos dirixentes populares e a realidade”, como evidencia a parálise absoluta do proxecto de residencia de maiores dos Peares. “Semanas despois de empezar co desterro as obras paralizáronse, as máquinas desapareceron e ninguén da explicacións sobre o que acontece”, subliña Nacho Gómez. As prazas en residencias públicas en Ourense son insuficientes para dar resposta á demanda, presentándonos os centros privados como a única alternativa, coa agravante de que o custo medio mensual deste tipo de establecementos oscila entre os 2.300 e 3.000 euros ao tempo que Galicia é segunda comunidade autónoma coas pensións de xubilación máis baixas do Estado español, tan só por detrás de Estremadura, acadando 1.023,04 euros mensuais. Á falta de prazas nas residencias e ao custo excesivo da alternativa privada hai que engadir as deficiencias na atención aos maiores, que representan un colectivo particularmente vulnerable.

O problema do despoboamento na provincia de Ourense ten unha especial incidencia nos concellos rurais, o cal obriga a artellar pistas de solución e mecanismos para paliar a sangría demográfica, que pasan pola prestación duns servizos públicos completos e de calidade”, subliñou Carmen Rodríguez Dacosta, número 1 da lista socialista ao Parlamento de Galicia por Ourense. “A situación de abandono é tal que aquí mesmo, nos Peares, que se pode considerar como a Zona 0 de Feijóo, un teatro privilexiado en todas as súas campañas electorais, os habitantes viven unha situación de colapso na súa atención primaria, con tan só dúas horas ao día de atención médica ao día, sempre e cando o facultativo non estea de baixa ou de vacacións”, explicou Dacosta. “Como non vai abandonar a xente o rural? Ata que punto non é o resultado dunha política premeditada do PP?”, pregúntase esta, emprazando a dar un voto de confianza ao PSdeG-PSOE nas eleccións autonómicas do 18 de febreiro para “implementar un plan de choque, dotar de servizos a todas e todos, independentemente do seu lugar de residencia, e reverter a situación que vivimos”.