O PSdeG-PSOE, con Besteiro como presidente da Xunta, promete impulsar a posta en marcha do transporte metropolitano entre a cidade de Ourense e os concellos da contorna

O PSdeG-PSOE, con Besteiro como presidente da Xunta de Galicia, impulsará a posta en marcha do transporte metropolitano entre a cidade de Ourense e os concellos da contorna para dar solución a unha reclamación “histórica” da comarca. Os e as socialistas denuncian o “agravio” e “discriminación” da Xunta a cidade de Ourense e aos concellos de Barbadás, Amoeiro, Coles, Punxín, Toén, Taboadela, Paderne, San Cibrao ou Pereiro de Aguiar que a día de hoxe seguen agardando dende o ano 1995 pola posta en marcha dun servizo “esencial” para máis de 160.000 ourensáns e ourensás.

A candidatura do PSdeG-PSOE de Ourense ao Parlamento de Galicia ten claro que o impulso e a posta en marcha do transporte metropolitano “é unha necesidade imperiosa”, xa que tal e como apunta permitiría “facilitar as comunicacións e a mobilidade, asentar poboación no rural, frear a crise demográfica e mellorar a calidade de vida dos cidadáns e cidadás da comarca de Ourense”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O candidato do PSdeG-PSOE ao Parlamento de Galicia, Nacho Gómez Pérez, afirma que Alfonso Rueda e os seus conselleiros “só entenden do bus que sacaron a rúa en campaña electoral, cargado de demagoxia e de falsas promesas e falto de ilusión, ambición e proxecto de país”. Neste senso, o número 2 da candidatura socialista tamén fai fincapé en que nos últimos días “asistimos perplexos a que a única gran demanda da conselleira do PP para Ourense e a súa comarca é unha marquesiña”, algo que en palabras do socialista demostra que “non coñecen a realidade do territorio, nin as necesidades da veciñanza”.

Gómez Pérez destaca que “todo isto mudará” a partir do 18 de febreiro, xa que tal e como apunta “con José Ramón Gómez Besteiro como presidente e cun goberno socialista desbloquearemos a situación do transporte metropolitano nos primeiros día de Goberno”. O candidato socialista sinala que para o PSdeG “este proxecto é fundamental, tanto para a cidade de Ourense, como para todos os concellos da súa contorna”.

Pola súa banda o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel Doval, explica que tanto Barbadás, como o resto de concellos, “teñen aprobadas dende hai máis dun lustro as ordenanzas municipais que permiten a entrada en vigor do transporte metropolitano”. O rexedor socialista destaca que este “é un servizo esencial a efectos de medrar en poboación, de buscar o crecemento demográfico, de mellorar a mobilidade e de loitar contra a crise demográfica”.

“O desleixo e abandono por parte da Xunta padecémolo os concellos, pero tamén a veciñanza, pero esta situación rematará o vindeiro 18 de febreiro”, afirma Valcárcel Doval. O alcalde tamén pon de manifesto que da man de Besteiro, o transporte metropolitano “será unha realidade practicamente inmediata nos primeiros días de goberno socialista”.

A candidatura socialista por Ourense aposta por un transporte “público de calidade, que ofreza un servizo adaptado á realidade e necesidades da cidade de Ourense e os municipios da súa entorna, a un custo razoable, garantindo así a cohesión territorial arredor da capital, mellorando as conexións, facilitando os desprazamentos e diminuíndo a contaminación e pegada de carbono inherentes ao uso dos vehículos particulares”.