Ribadavia prepara unha ampla oferta de actividades culturais e deportivas como complemento aos actos relixiosos da Semana Santa 2024.

  • Ademais das actividades culturais, o concello de Ribadavia pon en marcha tamén un servizo de conciliación para os mais cativos os días 25, 26, 27 de marzo e 1 de abril en horario de 9:00 a 14:00.

Ribadavia, 18 de marzo de 2024.- O Concello de Ribadavia prepara unha ampla oferta de actividades culturais e deportivas como complemento aos actos relixiosos da Semana Santa 2024. As actividades comezan o luns, día 25 de marzo co obradoiro de reciclaxe “Crecicla”, un obradoiro destinado a nenos e nenas de 6 a 10 anos que terá lugar na Casa da Cultura, a partires das 17:00. O xoves 28 e o venres 29 ás 12:30 terá lugar o roteiro “Coñece Ribadavia”, un roteiro polo patrimonio histórico da vila de Ribadavia. O xoves 28, ás 19:00, a Alameda acollerá o espectáculo de danza “Remembranza”, e posteriormente, ás 23:00 na praza de San Xoan terá lugar o concerto do grupo “Alabanda”, con repertorio de música pop e rock española. As actividades culturais continúan o venres 29 co contacontos infantil “cuentos y mas cuentos”, que terá lugar na praza maior ás 13:00, e xa pola tarde, ás 19:00 terá lugar o musical “¡Escenas de todos!” no auditorio da Casa da Cultura, e xa pola noite será o entorno da fonte da prata, na rúa salgado Moscoso, o que acolla as sesións de música electrónica dos D.Js Jeivi e Roku, a partir das 23:00. O sábado 30 de marzo ás 19:00 na igrexa da Madalena terá lugar o concerto de guitarra eléctrica do guitarrista compostelán Rafael Fernández. Un ano mais, celebrarase á actividade “A Arte dos Monumentos”, organizada por a asociación de Amigos do Museo, o sábado 30 de marzo ás 13:00 para coñecer a historia da sociedade recreativa “A Peña”, e o domigo 31, á mesma hora, para falar do antigo edificio Banco Pastor, ámbolos dous días o punto de encontro será na Fonte da Prata.

No que ten que ver co deporte, nesta semana santa, concretamente os días 29 e 30 de marzo, o polideportivo “O Consello” será sede do torneo de fútbol sala “Copa do Ribeiro”, organizado polo colectivo “minabo do Ribeiro”. Ademais, o campo do “Xestal” acollerá o Clinic de Semana Santa de fútbol, organizado polo Ribadavia Atlético en colaboración coa fundación Celta, os días 25, 26 e 27 de marzo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Todas estas actividades son o complemento perfecto aos tradiconais actos relixiosos organizados pola Cofradía de Nuestra Señora del Portal en colaboración coa parroquia de Ribadavia. Dentro do programa de actos relixiosos este é o calendario de procesións desta Semana Santa 2024:

24 de marzo, Domingo de Ramos, dende San Xoan ata San Domingos, ás 11:30 h.

28 de marzo, xoves santo, procesión dos caladiños dende a igrexa de Santiago ás 21:00.

29 de marzo, venres santo, Santo Encontro dende a igrexa de Santiago ata a Praza Maior, ás 11:30. procesión do Santo Enterro dende a igrexa de San Domingos, ás 19:30.

Ademais das actividades relixiosas, culturais e deportivas, o concello de Ribadavia pon en marcha tamén un servizo de conciliación para os mais cativos os días 25, 26, 27 de marzo e 1 de abril en horario de 9:00 a 14:00. En definitiva, un programa para todas as idades e que pretende ser amplo e variado para todos os gustos.