O grupo provincial do BNG demanda dotar equitativamente de fondos a todos os concellos da provincia de Ourense

IES CHAMOSO LAMAS

 O BNG propón na Deputación de Ourense dotar equitativamente aos concellos cos fondos imprescindibles para afrontar con garantías e estabilidade a crise actual.

O grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense ven de presentar unha moción coa que pretende dotar aos 91 concellos menores de 20.000 habitantes da provincia de Ourense cos fondos precisos para que poidan afrontar as consecuencias sociais e económicas que estamos a sufrir.

HIPER MASIDE

AUDIO de Bernardo Varela

Clic na Imaxe

  No pleno ordinario da Deputación de Ourense do mes de maio o BNG proporá ao goberno da Deputación instar ao Estado a que as entidades locais poidan empregar os seus remanentes de tesourería. E que no caso dos fondos da Deputación sexan destinados aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.

“Entendemos que é xusto reclamar ao goberno do Estado que tanto os concellos como a propia Deputación poidan empregar os remanente de tesourería que teñen aforrados. No caso da Deputación de Ourense trinta millóns de euros” declara Bernardo Varela, voceiro do grupo provincial do BNG.  Propondo ademais, como segundo punto da moción, que ese reparto sexa equitativo entre os concellos da provincia, atendendo a criterios obxectivos.  Así  desde o grupo provincial do BNG proponse que estes trinta millóns de euros sexan achegados aos concellos da provincia “a través dun reparto lineal base do 30% dos fondos e no que o 70% restante se conceda en función dos criterios obxectivos acordados no seo da FEGAMP. Ao igual que se está facendo nas provincias  da Coruña, Lugo e Pontevedra.”

Nesta situación e pensando nos anos vindeiros de crise, resulta máis importante que nunca dotar aos Concellos dunha estabilidade e fiabilidade nos ingresos que só se obtén reducindo a marxe de discrecionalidade e facendo partícipes por igual a todas as entidades locais nos fondos destinados ás mesmas mediante a aplicación de criterios obxectivos.  Razón pola cal o BNG volta reclamar no vindeiro pleno a necesidade de dotar un Plan Único Provincial,  que estableza fondos para os concellos da provincia que axuden á súa veciñanza, autónomos e pequenas empresas na saída da crise económica que acompaña á COVID-19.  Exemplificando Varela que “este fondo debería ter unha cifra similar aos 21.300.000 euros  da Deputación de Lugo, mediante o cal Negueira de Muñiz con só 250 habitantes tivese unha aportación de 192.000 euros ao longo de 2020.”  

Tamén se proporá instar á  Xunta de Galiza que incremente o Fondo de Cooperación Local, que permita aos concellos galegos dotarse dunha estabilidade e fiabilidade nos ingresos. Estes fondos procederían dos múltiples convenios e ordes de subvencións que todos os anos se publican por parte da Xunta e que xeran unha enorme carga administrativa farragosa e innecesaria, e nas cales en moitos casos a variación para a súa adxudicación resulta cando menos pouco clara. “Sempre no ánimo de que as administracións máis próximas aos cidadáns, os municipios, teñan a posibilidade de afrontar a crise socio-económica desde criterios equitativos e de estabilidade” Afirmou Varela.

“Agardamos que todas as forzas presentes na Deputación de Ourense concorden en respaldar a administración á que se achegan os veciños na xusta demanda de solucións, e que non son outras que os concellos”,  sentenciou finalmente o voceiro do grupo provincial na Deputación de Ourense, Bernardo Varela.