O PP de Ourense acada máis do 48 % de apoio do voto emigrante

Os populares ourensáns obtiveron case 30 puntos máis de apoio electoral que o PSOE, e 35 máis que o BNG, sendo a forza política cos mellores resultados de Galicia

O Partido Popular de Ourense obtivo o 48,74 % de apoio electoral do voto emigrante, logo do reconto do Censo de Españois Residentes Ausentes (CERA), realizado hoxe na Audiencia Provincial de Ourense.

AVANTAR ACTIVIDADES

Uns resultados que sitúan aos populares de Ourense como a mellor forza política de Galicia en apoio electoral, superando en case 30 puntos ao partido socialista e en máis de 35 puntos ao BNG. Ademáis, é salientable o dato de que o Partido Popular de Ourense foi o que mellores resultados acadou na formación popular en Galicia, por diante do apoio ao PP logrado na Coruña (39,42 %), Pontevedra (38,89 %) e Lugo (33,57 %). Neste sentido, a media total de apoio ao Partido Popular en Galicia foi do 40,56 %.

Estes datos, segundo valora o presidente provincial, Manuel Baltar, reforzan ao PP de Ourense como “o partido cos mellores resultados, o que vén avalado polo traballo realizado nestas elección polos representantes, afiliados e simpatizantes populares nos 92 concellos da provincia e na entidade local menor de Berán”. “Todos -destaca Baltar-, desde á primeira á última persoa, e todas as veciñas e vecinos que nos deron o seu apoio, merecen os parabéns por uns resultados que nos permitirán afrontar a difícil etapa na que nos atopamos -logo dos duros meses da pandemia e agora na fase da recuperación económica- coa forza que nos da a maioría e o referendo que ten o PPOU, na nosa provincia e na diáspora, para seguir levando a cabo iniciativas e proxectos en favor da xente e da nosa economía, nun momento onde as persoas e o seu benestar ten que ser a prioridade das decisións políticas e institucionais”, afirma o presidente Baltar.

Dos máis de mil votos recibidos da emigración ourensá (1.033), un total de 502 foron para o Partido Popular de Ourense; 197 para o partido socialista; 139 para o BNG; 66 para Vox, 50 para Galicia en Común, e 31 para Ciudadanos, repartíndose os restantes entre o resto de formacións políticas.