O Psdeg-Psoe de Ourense participa nun encontro con CS e PP no que lle trasladaron a vontade de diálogo e a disposición para liderar un goberno amparados nas urnas

Os socialistas lembran que abriron xa fai tempo a vía do diálogo, participando en todas as reunións convocadas neste senso e apuntan a que agardan que os contactos iniciados “se prolonguen para buscar unha situación e desbloquear o futuro de Ourense”

O PSdeG-PSOE de Ourense, coñecedor da súa responsabilidade como forza máis votada nas últimas eleccións municipais na cidade de Ourense, abriu xa fai tempo o diálogo coas restantes forzas políticas da cidade para tratar de chegar a acordos para rematar co caos, o esperpento e o bloqueo que se vive nestes intres. Nesa apertura cara o diálogo, os socialistas manifestaron en repetidas ocasións a súa predisposición para chegar a acordos cos que tentar mudar o destino da cidade e desbloquear a situación na que se atopa. Ademais de iniciar o diálogo, o PSdeG na cidade tamén participou en tódalas propostas de diálogo e reunións que se levan feito ata a data, como a convocada polo BNG a pasada semana ou a xuntanza artellada por Ciudadanos no día de hoxe.

AVANTAR ACTIVIDADES

O representante do Grupo Municipal Socialista, Rafael Rodríguez Villarino, participou esta mañá nunha xuntanza no Liceo de Ourense, organizada por Ciudadanos e na que tamén estivo presente o Partido Popular. En devandita reunión, o voceiro socialista amosou a “disposición do PSdeG-PSOE de Ourense a liderar un goberno, amparado sobre a representación da maioría dos votantes nas últimas eleccións. Os socialistas agardan agora que se formalicen contactos e eses contactos “sexan frutíferos para buscar unha saída a esta situación de bloqueo”, sinala Villarino.

“A mensaxe trasladada ao PP, en presenza do representante de Ciudadanos foi que os socialistas estamos aberto a diálogo e que agardamos que se formalicen contactos, ademais de que o PSdeG está en disposición de liderar un goberno seguindo o expresado pola cidadanía nas urnas”, explica Rodríguez Villarino. Os socialistas agardan que os contactos iniciados hoxe se prorroguen e dean lugar a unha “situación satisfactoria” para a cidade que afirman “non pode seguir nesta situación de bloqueo que levamos padecendo nos últimos tempos”.