Emilio González informa da licitación das obras no firme nas estradas N-120 e N-536 na comarca de Valdeorras

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, informou da publicación no día de hoxe no Boletín Oficial do Estado do anuncio de licitación das obras de rehabilitación do firme nas estradas N-120, entre os km 437,450 e 472,800, e na N-536, entre os km 32,300 e 59,200, por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana

Para esta actuación destínase un orzamento total de 1.619.686,12 euros e conta cun prazo de execución de oito meses. As ofertas poderán presentarse ata o próximo 17 de maio.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O proxecto emprázase no termos municipais de Rubiá, O Barco de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras e  A Rúa, actuando ao longo de máis de 60 km de ambas estradas.

As obras prevén a rehabilitación estrutural do firme nos tramos en peor estado, rehabilitación superficial na travesía de Vilamarín e as pontes de Muíño e a Liga, selado de gretas non estruturais, repintado das marcas viais e reposición de xuntas de dilatación e aforos de tráfico.

Emilio González explicou que, tanto esta actuación como as obras de rehabilitación do firme da Autovía das Rías Baixas A-52, entre os km 176,0 e 236,3, cuxa licitación foi publicada no BOE o pasado 8 de xaneiro cun orzamento de 5,99 millóns de euros, “permitirán mitigar o déficit de conservación que arrastra unha parte da rede viaria na provincia de Ourense, o que reflicte o compromiso do Goberno de España coa seguridade e a fiabilidade da rede, así como co patrimonio público común de todas as ourensás e os ourensáns”.

Así mesmo, o subdelegado do Goberno salientou que o programa de conservación e mantemento do Mitma, que xera un impulso significativo para mellorar a calidade de servizo da infraestrutura viaria estatal existente, mobilizou na provincia de Ourense máis de 33 millóns de euros dende xuño de 2018.