Caballero visita forcarei: “se Feijóo non fai unha nova política para o medio rural, a reactivación vai quebrar”

O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe que “iniciamos o curso da reactivación, e se Feijóo non fai unha nova política para o medio rural a reactivación vai quebrar, vai vir rota”. Así o dixo durante un encontro coa alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, quen lembrou que é a quinta visita de Caballero ao concello, onde “seguimos agardando que Feijóo ou alguén do goberno galego asome a cabeza”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende alí, o voceiro socialista chamou a atención sobre a necesidade de que a Xunta “aposte pola Galicia máis dinámica e máis emprendedora” pero tendo “un claro compromiso coas galegas e os galegos que viven nos concellos máis pequenos, no rural e no interior”. “Galicia necesita unha política de vertebración territorial que asuma o dinamismo e o impulso da Galicia urbana e tamén unha aposta pola Galicia rural, porque necesitamos un desenvolvemento equilibrado”, recalcou.

Trátase, como dixo Gonzalo Caballero, de vertebrar o territorio con “equilibro”, para dar “igualdade de oportunidades a todos os galegos e as galegas, con independencia de onde vivan”. “Non podemos asumir unha Galicia de dúas velocidades”, advertiu, ao tempo que reivindicou “máis impulso para os concellos pequenos e o rural, onde se perde poboación e non hai emprego” mentres “Feijóo recorta servizos públicos e servizos sociais de forma continua”.

“Non pode ser -sostivo- que en concellos como Forcarei se reduza o número de profesores, que haxa problemas na sanidade pública, que non existan suficientes fondos para a axuda no fogar e para facer política social dende a Xunta”.

Ao fío diso, criticou que “ao final ten que ser”, no caso de Forcarei, “o equipo de goberno liderado por Verónica Pichel o que dea resposta aos problemas dos veciños e das veciñas que a Xunta non atende”.

“ALIADOS DO RURAL”

Neste senso, o voceiro do PSdeG na Cámara sinalou que “os e as socialistas sempre seremos os grandes aliados da Galicia rural, sempre respaldaremos medidas para apoiar aos concellos pequenos, porque sempre defendemos a igualdade de oportunidades”.

“Non queremos a Galicia que marca Feijóo, que abandona ao rural e lles quita dereitos en igualdade de condicións aos veciños e veciñas que viven nos concellos pequenos”, apostilou Gonzalo Caballero.

Ademais, apuntou que “agora que chegan tantos fondos a Galicia, é o momento de apoiar aos concellos pequenos do rural”. “Sei que onde gobernamos, como en Forcarei con Verónica Pichel, sabemos xestionar o público pensando nas persoas e priorizando o social por riba de calquera outra clave”, remachou.

Canto a Forcarei, Gonzalo Caballero destacou a xestión da alcaldesa socialista, que en apenas dous anos, e enfrontándose ao máis duro da pandemia, ten “demostrado capacidade de xestión, formación, xuventude, vocación e impulso”. “Representa a tantas socialistas de Galicia” que demostran “inquedanzas, traballo e compromiso”, asegurou.

FEIJÓO “DÁ AS COSTAS” AO RURAL

Pola súa banda, a alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, sinalou que Feijoo segue “dándolle as costas ao rural, como vemos nos recortes nos servizos, a sanidade, a educación ou as infraestruturas”.

Non en van, recordou a situación dos dous centros de saúde da localidade, en Soutelo e Forcarei, que teñen a metade de médicos, con apenas un só facultativo en cada un deles, e “a día de hoxe seguimos coa pediatra en días contados”.

O mesmo sucede no ensino público, como demostran os recortes de docentes no instituto, ou a falla absoluta de investimentos e equipamentos por parte do goberno galego, que “hai moito tempo que non inviste nas infraestruturas de Forcarei”.

“Feijóo non está apoiando ao rural que tanto o necesita”, acusou a rexedora, quen sostivo que este tipo de políticas “están matando ao rural e ás nosas aldeas de sempre”.