A opinión de Laura Novelle. “3 de Decembro: algúns datos para reflexionar “

Laura Novelle ( O Carballiño). Profesora de Historia Contemporánea na Universidade de Vigo, escritora e divulgadora. Responsable do blog Docendo Discitur: https://docendodiscitur.blog/


Cada 3 de decembro celebramos o Día Internacional das persoas con Discapacidade. A ONU estableceu esta data desde 1992,  co obxectivo de promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidades en todos os ámbitos da sociedade e o desenvolvemento, así como concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida política, social, económica e cultural.

AVANTAR ACTIVIDADES

Segundo datos do Banco Mundial, o 15% da poboación do planeta (arredor de mil millóns de habitantes), experimentamos algún tipo de discapacidade. A prevalencia da discapacidade é maior nos países en desenvolvemento ou de menor renda. En España, 3,3 millóns de fogares declaran ter polo menos unha persoa con discapacidade. Case o 60% son mulleres. Ata os 45 anos, a diferenza en anos da esperanza de vida libre de discapacidade entre homes e mulleres resulta moito máis favorable ás mulleres, pero a partir desa idade a diferenza de xénero diminúe ata volverse imperceptible. Estes datos son de 2008, data na que se realizou a última enquisa do INE relativa a discapacidade, autonomía persoal e situacións de dependencia (quizais vaia sendo hora dunha actualización).

Estes poucos datos cuantitativos axudan a dar conta da magnitude dunha realidade que adoita pasar inadvertida no balbordo do cotián. Indo máis aló convén mirar tamén as implicacións que non se poden medir con cifras, pero que condicionan enormemente as posibilidades reais de levar unha vida plena. Numerosos informes oficiais do mesmo Banco Mundial, da OMS e de UNICEF revelan que as persoas con discapacidade temos máis probabilidades de sufrir as consecuencias derivadas de resultados socioeconómicos adversos: menos anos de escolarización formal, peor nivel xeral de saúde, niveis máis baixos de emprego e maiores taxas de pobreza, entre outras. Volvendo aos datos que nos tocan de preto: en 2020 en España a taxa de paro entre persoas con discapacidade era do 23,9%,  superior en dez puntos porcentuais á da poboación xeral. 

Os efectos da pandemia de COVID-19 tamén se deixan sentir con especial crueza neste colectivo. Tradúcense en desatención a patoloxías crónicas, menos recursos sanitarios para atención temperá, fisioterapia, actividades de mantemento físico ou cognitivo e incremento do risco de desenvolver ou empeorar patoloxías psiquiátricas pola ansiedade, a menor adherencia aos tratamentos e a desaparición do contacto físico (vital para algunhas persoas que teñen reducidas ou anuladas outras vías de expresión). Un exemplo concreto e moi real que vivín este ano cunha das miñas alumnas na Universidade de Vigo: o tapabocas impide a lectura labial, creando unha infranqueable barreira para as persoas xordas. O noso medio de contacto case exclusivo era a escritura.

A discapacidade é un fenómeno poliédrico, que irá a máis nos países avanzados polo aumento de esperanza de vida, os avances médicos e a alta incidencia de cancro, lesións medulares, neuropatías e accidentes cerebro-vasculares como causas máis comúns de patoloxías incapacitantes. Convén tela presente na nosa vida, non só un día —que está moi ben— senón todos os días. Porque a discapacidade non avisa e non entende de estatus nin de fronteiras. Un último dato para pensar mentes colles as chaves e corres escaleiras abaixo para ir traballar: en España 100.000 persoas  con dificultades de mobilidade están confinadas nos seus fogares polas barreiras arquitectónicas e 6 de cada 10 edificios non permiten acceder directamente dende a rúa ao portal. Quizais non hoxe, pero algún día, unha desas persoas poderías ser ti. Unha sociedade máis accesible, inclusiva e consciente é unha sociedade mellor para todos.    

Foto de Marcos Creo publicada na Voz. Laura co seu último libro ” Cuando me digas te quiero “


Outros ártigos de Laura Novelle:

A opinión de Laura Novelle: Mulleres, política, poder

A opinión de Laura Novelle: Tres cuestións para (re)pensar