O escritor e profesor Frutos Fernández presentou o seu libro: “Historia de San Clodio “

Publicidade ASPADISI

O pasado día 6 o escritor Frutos Fernández presentaba o seu último libro ” Historia de San Clodio “

VIDEO DO ACTO

HIPER MASIDE
Ten subtitulos Hai que ampliar a pantalla completa e pulsar na tecla de subtitulos

O acto tiña lugar na igrexa parroquial de San Clodio.

Frutos é autor de outros libros como  “Toponimia do Carballiño” e “Nomes do Ribeiro”

No acto intervirón Celso Rodríguez, párroco de Nosa Señora de Fátima en Ourense; Francisco Sandoval Verea, historiador e arquivista; Lucila Ventoso Casais, directora de Andavira Editora, que se fixo cargo da publicación do libro. Ademais das intervencións, tamén houbo acompañamento musical a cargo de Frank Díaz.

O libro está editado pola Editorial Andavira e pódese adquirir ó prezo de vinte euros no quiosco de Leiro e na librería Ábaco do Carballiño. Ademais, os que estean fóra poden pedilo, mentres queden exemplares, ó mesmo prezo, na dirección de correo: jeanfrujo@gmail.com.

Frutos ten un blog : http://jeanfrujo.blogspot.com/

Reproducimos a última entrada:

O pasado luns día 6 de decembro presentei en San Clodio, a miña parroquia natal, o libro Historia de San Clodio, resultado de máis de vinte anos de investigacións sobre o pasado da parroquia, así coma do mosteiro e da xurisdición homónimos. Foi un acto emocionante e fermosísimo celebrado na igrexa parroquial,  no que me acompañaron como intervintes os amigos: Celso Rodríguez Lourido, sacerdote natural de San Clodio, párroco de Nosa Señora de Fátima en Ourense e antigo profesor do seminario da mesma cidade, e Francisco Sandoval Verea, historiador e arquivista, e coautor comigo de diversos traballos. Mentres, Frank Díaz e Pedro Hernández, con guitarra e bandurra, ocupáronse magnificamente do acompañamento musical. En breve poderedes ver a gravación do acto en youtube.

O traballo abarca algo máis de dez séculos, desde principios do século X, cando se funda o mosteiro, ata finais do XX, cando abandonan o mesmo mosteiro os últimos monxes beneditinos, e cando, de algunha maneira, se completa o colapso desta pequena parroquial rural galega,  o mesmo có de moitas outras, imposibilitando talvez de xeito definitivo aquela Galicia soñada por Castelao,  na que a parroquia, o noso verdadeiro concello natural e “a máis antiga entidade local de España”, acadaría personalidade xurídica. Por iso pode ser un bo momento para publicar este libro, porque non creo que os municipios –“entidades monstruosas, causa e orixe do caciquismo” para o mesmo Castelao-, nin sequera as institucións de máis alto rango administrativo, que nada fixeron para evitar este colapso, sexan as máis axeitadas para gardar e promover o relato da historia das parroquias. Polo tanto, o libro nace con ese lostrego, do que fala Walter Benjamin, tan intenso coma fugaz, que brila xusto no instante en que  periga a historia: cando os gañadores están a punto de facerse coa memoria dos vencidos.

Como se apunta na contraportada do libro, a historia dunha pequena parroquia do Ribeiro pode parecer pouco para a amplitude e complexidade do tema que se trata, pero Castelao recollía no Sempre en Galiza esta  cita de Heine: “igual que desde a máis pequena fiestra pode contemplarse a inmensidade do ceo, desde a máis pequena terra pódese comprender a grandeza do mundo”.

Pois ben, o libro está editado pola Editorial Andavira e pódese adquirir ó prezo de vinte euros no quiosco de Leiro e na librería Ábaco do Carballiño. Ademais, os que estean fóra poden pedilo, mentres queden exemplares, ó mesmo prezo, na dirección de correo: jeanfrujo@gmail.com.

Para ter unha idea dos contidos, no arquivo adxunto consta o índice. Prema entón no enlace que se abre ó colocar o punteiro encima de: ÍNDICE