Espazo Común presenta unha moción para que o concello se opoña ó peche da aula do Campo da Feira

COMUNICADO DE ESPAZO COMÚN:

En días pasados soupemos da intención da Xunta de Galicia de pechar xa dende este mes de setembro a aula de 3 anos do colexio público do Campo da Feira.

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta pode ser, sen lugar a dúbidas, unha das peores novas que ten recibido o pobo do Carballiño nos derradeiros anos.

É todo un síntoma da terrible deriva demográfica que padecemos. Cada vez menos habitantes, máis envellecidos e cunha ausencia de nacementos que augura un futuro moi escuro.

Por experiencias previas doutros concellos, sabemos que, se non se revirte, este é un camiño sen retorno. Cada vez menos nenos, cada vez menos servizos, cada vez menos xente nova, cada vez menos pobo. Exemplos hai abondo.

Tampouco fai falla ser adiviño para saber que se se permite á Xunta levar adiante esta decisión este ano, para o curso que vén será todo o colexio o que peche. E pronto lle tocará ao Calvo Sotelo…

O pobo do Carballiño ten que reaccionar, non podemos caer na resignación. Fan falla políticas reais e efectivas que conleven unha mellora demográfica. Máis emprego, máis servizos de conciliación e, por suposto, non reducir aínda máis as opcións de escolarización. Son moitos os matrimonios novos que teñen en conta ter un colexio preto á hora de escoller o seu lugar onde vivir. Se queremos ser unha vila atractiva temos que aspirar a máis e non deixarnos ir a menos.

Esa reacción ten que ser dende xa e o primeiro xesto pasa por impedir o peche desa aula. É a este Concello e aos que formamos parte da corporación en representación dos cidadáns a quen corresponde facer a nosa parte: amosar hoxe aquí a nosa frontal oposición a esta medida.

E, a partires de aquí, encabezar un movemento cidadán disposto a emprender tódalas accións necesarias encamiñadas a que a Xunta escoite á veciñanza deste pobo coma unha soa voz unánime que non vai permitir unha nova aldraxe.

Visto todo o anteriormente comentado,                                                                                                                        

                                                                  SOLICITAMOS

  1. Que o Concello do Carballiño amose a súa oposición total ao peche da aula de 3 anos do Colexio Campo da Feira.
  2. Dar traslado deste acordo á Consellería de Educación da Xunta de Galicia.