O PsdeG denuncia o abandono da Deputación de Ourense das infraestructuras do oriente da provincia

A veciñanza está farta das falsas promesas e dos contos do PP” polo que “esixen corrixir canto antes esta vergoñenta débeda histórica”, destacan os e as socialistas dende Viana do Bolo

“É intolerable que unha estrada como a de San Agostiño, que soporta unha importante carga de tráfico de turismos e mercadorías, estea nunha situación máis propia dun territorio en guerra”, sinalan

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE denuncia o “sistemático e neglixente abandono” do goberno conservador da Deputación de Ourense das infraestruturas do oriente da provincia e, por iso, promoverá no pleno de xullo unha iniciativa co fin de impulsar a súa “mellora inmediata”, tras “décadas de abandono, desleixo e afronta absoluta do PP contra algunhas das comarcas máis relevantes para a nosa industria ou o noso turismo”. “A veciñanza está farta das falsas promesas e dos contos do PP” polo que “esixen corrixir canto antes esta vergoñenta débeda histórica”, destacan.

Os deputados e deputadas socialistas consideran “inadmisible” que o executivo de Manuel Baltar, manteña nesta “caótica e turbia situación” algunhas estradas e infraestruturas de Valdeorras, Viana ou Trives, territorios clave para a nosa economía, pola súa importancia nos sectores industrial ou turístico. “Baltar está a impedir o desenvolvemento económico e social coas súas políticas caciquís e sectarias que marxinan ao oriente ourensán e a maior parte dos municipios que non son da súa corda”, aseveran.

Así pois, destacan casos concretos como o de Vilamartín de Valdeorras, con graves problemas de acceso a San Vicente durante os últimos trinta anos ou as graves eivas que presentan estradas de titularidade provincial que dan acceso ás canteiras e minas de lousa de Carballeda e O Barco, así como ás zonas de alta montaña de Trives e Manzaneda. No caso concreto de Viana do Bolo, desde o grupo provincial denuncian que é “intolerable que unha estrada como a de San Agostiño, que soporta unha importante carga de tráfico de turismos e mercadorías, estea nunha situación máis propia dun territorio en guerra”.

San Agostiño, unha estrada chea de fochancas polos incumprimentos de Baltar

O grupo provincial do PSdeG-PSOE de Ourense na Deputación vén de visitar na compaña da Agrupación Socialista de Viana do Bolo a estrada de San Agostiño, na que puideron comprobar sobre o terreo o “grave” estado de deterioro que presenta, con fochancas que poñen en “serio perigo” aos veciños e veciñas que circulan pola mesma cada día. Os e as socialistas denuncian os incumprimentos “sistemáticos” de Manuel Baltar e a Deputación Provincial de Ourense que levan anos prometendo un arranxo que segue sen chegar.

O membro da Agrupación Socialista de Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, lembra que a “grave” situación que presenta a estrada de San Agostiño “vén de tempo atrás” e tal e como sinala “xa presentamos unha moción no seu momento para arranxala, debido ao seu estado lamentable, pero a pesar de ser aprobada co voto en contra do BNG, o alcalde de aquel entón, Secundino Fernández, non tivo ningún tipo de interese en levar a cabo a nosa iniciativa”. Na moción, os e as socialistas pedían crear unha comisión na que se integraran os representantes do partido da corporación e tratar deste xeito de facer presión a Endesa e a Deputación para comezar o arranxo.

Na comisión, que finalmente foi creada cun representante de cada un dos grupos, ademais de con Endesa e a Deputación, acordouse realizar un convenio, no que a empresa eléctrica cedía a estrada para arranxala e houbo unha achega dun millón de euros, na que Endesa aportaba o 50%, e a Deputación e o Concello un 25 % cada un. A comisión, creada a iniciativa do PSOE vianés, non contou coa presencia do entón alcalde do BNG, Secundino Fernández, xa que segundo apuntan os socialistas “non quixo formar parte, algo que nos sorprendeu e preocupou, xa que parece que o único interese que ten o señor Fernández chega trala presión da opinión pública”. Neste senso, tamén apuntan a que “nunca foi do seu interese que o arranxo da estrada se levase a cabo, probablemente porque as iniciativas dos demais partidos non son do seu agrado”.

Germán García-Ávila tamén explica que o pasado mes de outubro, fíxose un prego para sacar a concurso a obra, que foi adxudicada, pero “a nosa sorpresa é que dende entón e ata hoxe só se puxo un cartel anunciador da obra, o que nos amosa que parece que a Deputación son como os reis magos, primeiro mandan as estrelas e logo veñen eles”. Neste senso, o membro do PSdeG-PSOE vianés destaca que “en outubro a empresa ten que ter entregada a obra e estamos en xullo e as obras aínda non comezaron, polo que dubidamos que estean rematadas en 2 ou 3 meses”.

Dende o PSOE de Viana do Bolo teñen claro que se “non se compren os prazos e se entrega a obra perfectamente rematada, solicitaremos a anulación do convenio, que a estrada pase a poder de Endesa e que os cartos depositados polo Concello na Deputación se devolvan”. Neste caso, os e as socialistas esixiranlle ao Partido Popular e a Manuel Baltar que “veñan a explicarlle aos veciños e veciñas porque non foron quen de facer realidade as promesas e cumprir co convenio” e destacan que dende o PSOE “fixemos todas as xestións para que a estrada non caese no esquecemento e vamos a seguir facendo presión para que se arranxe”.

Pola súa banda, o deputado provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Aurentino Alonso, apunta a que veciñanza “leva moitos anos sufrindo esta situación, coas fochancas aumentando e o mantemento da estrada completamente abandonado”. O socialista afirma que no mes de outubro de 2021 “as obras non puideron comezar por problemas técnicos, pero chegada xa a primavera, tiñan que estar en marcha, cousa que non aconteceu e que supón un novo desleixo do goberno caciquil de Baltar a Viana do Bolo e as súas xentes”.

O PSdeG-PSOE considera que a Deputación de Ourense debería incrementar os cartos dedicados ao mantemento das estradas provinciais xa que, ao longo dos últimos anos, o único que fixo Baltar foi “recortar drasticamente estes fondos co único fin de caciquear con eles para comprar vontades”. “É necesario unha análise de necesidades polo miúdo e un plan técnico equitativo, que permita solucionar as reiteradas carencias das que se queixan moitos veciños e veciñas”, defenden os e as socialistas antes de concluír sinalando a imperiosa necesidade dun servizo público de conservación de calidade, fronte ó “desmantelamento” que, pola calada, está a executar o goberno provincial conservador de PP e Jácome.