A xornalista Tamara Montero gaña o XXXII Premio Xosé Aurelio Carracedo

IES CHAMOSO LAMAS

O xurado ditaminou outorgarlle por unanimidade o galardón que concede a Deputación pola reportaxe “Casaio, a cartografía invisible da guerra”

O xurado tamén recoñeceu por unanimidade a Maribel Outeiriño no apartado de traxectoria profesional, anunciando a xornalista a súa renuncia ao premio

SPORTUR GALICIA 2022

Ourense, 18 de novembro de 2022.- A xornalista Tamara Montero, na modalidade de peza xornalística, é a gañadora do XXXII Premio de Periodismo “Xosé Aurelio Carracedo”, un certame que convoca anualmente a Deputación de Ourense para pór en valor o xornalismo de calidade feito en Galicia.

O xurado ditaminou outorgar por unanimidade o galardón a Tamara Montero polo seu artigo “Casaio, a cartografía invisible da guerra”, publicado o 22 de setembro de 2021 en La Voz de Galicia, “por un exemplo do que debe ser unha reportaxe, misturando o estilo xornalístico co máximo rigor”. A premiada, sinala o xurado, “amosa oficio e talento para mesturar voces nun exercicio polifónico que ofrece unha nova mirada sobre as feridas da Guerra Civil, a posguerra e a necesidade de blindar a nosa memoria colectiva, incidindo neste caso no patrimonio industrial do país”. 

A entrega do galardón, dotado con 1.500 euros e diploma, terá lugar nas próximas semanas. O certame, que nesta edición chega á súa 32ª convocatoria, foi instaurado para honrar a memoria do xornalista ourensán que lle da nome ao premio, Xosé Aurelio Carracedo, falecido en 1988.

Na modalidade de traxectoria profesional, o xurado recoñeceu a traxectoria profesional de Maribel Outeiriño, recoñecendo “a traxectoria da gran cronista do Ourense contemporáneo, referente do xornalismo ourensán e unha pioneira na profesión en momentos nos que as mulleres comezaban a recuperar os espazos que lle foran vetados na ditadura franquista”. 

Comunicada a decisión do xurado, Maribel Outeiriño agradeceu este recoñecemento polo que “ten de valoración sobre o traballo realizado nestes anos” e anunciou á renuncia ao premio, que polo tanto queda deserto.

O xurado, presidido pola deputada provincial de Cultura, Patricia Torres Madureira, estivo integrado por Ana Isabel Rodríguez Vázquez, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; Emma Torres Romay, decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra; Luis Menéndez Villalba, en representación da Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE), e José Manuel Rubín Carballo, xornalista, en representación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, actuando como secretario o asesor de Comunicación da Deputación de Ourense, Javier Rey Veloso. 

Biografías das premiadas

Maribel Outeiriño estudou na antiga Escola Oficial de Periodismo de Madrid antes de comezar unha frutífera traxectoria profesional que consolidan a un piar básico do xornalismo galego e ourensán. Hoxe non se entende o Ourense contemporáneo -particularmente da capital, da que é, sen dúbida, a súa gran cronista- sen a visión de Maribel Outeiriño, cunha particular habilidade para debullar no fondo das persoas e as historias e construír pezas xornalísticas con selo propio. Os seus potentes vencellos coa historia e a cultura ourensá, referendados en numerosos artigos, reportaxes, publicacións e libros, sobresaen hoxe tanto coma a propia figura dunha xornalista que axudou a recuperar os espazos públicos negados para as mulleres durante as catro décadas de ditadura franquista. 

Tamara Montero Barreiro (Santiago de Compostela, 1985) é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Escribe en La Voz de Galicia dende o ano 2008 nas seccións de Sociedade e Cultura. Na súa traxectoria profesional foi merecedora de recoñecementos como o XIII Premio Fernández del Riego de Xornalismo de Opinión e unha mención especial no LXXIX Premio Pérez Lugín de Periodismo.