O BNG aposta pola liberación de máis de 100.000 metros cadrados na Estación Empalme e o traslado das mercadorías ao polígono de San Cibrao das Viñas

O BNG propón a ocupación deses terreos con equipamentos dotacionais e amplas zonas verdes e deportivas nun barrio “cunha elevadísima presión urbanística e con escaseza de espazos públicos para o lecer e o esparcemento”

Ourense, 14 de maio de 2023. Xosé Manuel Puga, número tres da candidatura encabezada por Luís Seara ao Concello de Ourense reiterou esta mañá no barrio da Ponte a proposta que desde a formación nacionalista se ven defendendo desde hai moitos meses.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Insistimos na necesidade de que a nova praia de vías da Estación Empalme sexa construída ao carón da rúa Rio Arnoia, o que permitiría liberar algo máis de 100.000 metros cadrados da praia actual”.

Con esta liberación e a través do correspondente acordo con ADIF e do desenvolvemento do Plan especial da zona “poderíamos construir neses terreos equipamentos públicos e dotacionais, amplas zonas verdes e instalacións deportivas nun barrio cunha forte presión urbanística e carente deste tipo de infraestruturas”.

Xosé Manuel Puga ten claro que “o que precisa o barrio da Ponte son espazos para o lecer, o paseo e o encontro da veciñanza e non máis vivendas polo que a aposta do BNG é clara”.

Ao tempo, Puga insiste en que tal e como reclaman os propios empresarios do Polígono de San Cibrao así como diferentes asociacións e colectivos, “cómpre trasladar a terminal de mercadorías ao polígono e sacalas da Estación Empalme”.

Igualmente, desde o BNG, propoñen o emprego das vías liberadas entre o polígono e a estación de San Francisco para a “creación dun metro en superficie que facilite o desprazamento dos centos e centos de traballadores e traballadoras que cada día se desprazan desde a cidade ao Polígono de San Cibrao a traballar”.