O Psdeg-Psoe de Ourense salienta que a subida das pensións levada a cabo polo goberno suporá o “maior ingreso da historia” na cartilla dos e das pensionistas da provincia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Dende o PSOE ourensán poñen en valor o modelo socialista fronte a un modelo, o do PP, co que só se subiron as pensións un 0,25% anual e no que segundo apuntan “os e as pensionistas estaban abocados ao empobrecemento e a conxelación das súas pagas de xubilación”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Consideran que “non é momento de volver ao pasado con reformas autoritarias e que empobreceron aos veciños e ás veciñas de Ourense, senón de garantir unhas pensións dignas e de futuro para a provincia”

Ourense, 27 de xuño de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense salienta que a subida das pensións levada a cabo polo Goberno presidido por Pedro Sánchez suporá o “maior ingreso da historia” na cartilla dos e das pensionistas da provincia. Os e as socialistas destacan tamén que a subida da paga de xubilación está provocando “a recuperación do poder adquisitivo dos e das pensionistas de toda a provincia de Ourense”.

Os candidatos e candidatas socialistas ao Congreso e Senado compareceron esta mañá ante os medios de comunicación para dar conta da revalorización das pensións, tralo pago correspondente ao mes de xuño e a paga extra de verán. Dende o PSOE ourensán poñen en valor o modelo socialista fronte a un modelo, o do PP, co que só se subiron as pensións un 0,25% anual e no que segundo apuntan “os e as pensionistas estaban abocados ao empobrecemento”. Na rolda de prensa estiveron presentes a candidata ao Congreso, Marga Martín; o candidato ao Congreso, Jose Ramón Fernández Morgade; e os candidatos e candidatas ao Senado, Rafael Rodríguez Villarino, Miguel Bautista Carballo, María Alida Iglesias Gil, Susana Rodríguez Estévez e Borja López Fernández.

A cabeza de lista dos e das socialistas ourensás ao Congreso dos Deputados, Marga Martín Rodríguez, aproveitou a súa intervención para destacar que en Ourense “dúas de cada cinco persoas son pensionistas, que estiveron traballando toda a vida e son responsables directos do benestar do que hoxe desfrutamos”. Neste senso, a nº1 do PSdeG-PSOE de Ourense ao Congreso tamén puxo de manifesto que este “é o maior ingreso da historia na cartilla dos pensionistas pola revalorización que aprobou o Goberno de España do 8,5% para igualar a subida das pensións ao incremento da vida”.

Marga Martín puxo o foco en que este incremento suporá unha media de “100 euros ao mes para as máis de 106.000 pensións que hai na provincia de Ourense e sumarase tamén a reforma aprobada polo Goberno, que vai garantir que esta lei quede así os vindeiros anos”. A candidata socialista tamén destacou a “importancia” do Ingreso Mínimo Vital, que segundo sinalou “subiu máis dun 15%”, ou do complemento para reducir a fenda de xénero “cuxa aprobación beneficiou xa a máis de 400.000 mulleres en España que viron reducida a súa cotización polo coidado das crianzas e dos e das maiores”.

Pola súa banda, o candidato do PSdeG-PSOE de Ourense ao Senado, Rafael Rodríguez Villarino, afirmou que esta revalorización “é unha gran nova para unha provincia coas pensións máis baixas do Estado e no que o 38% son complementos mínimos”. Neste senso o secretario provincial dos socialistas ourensáns tamén puxo o foco no modelo de Feijóo, do que afirmou “é unha copia do modelo de Macron, co que o PP busca que se aumenten os anos de cotización, se aumenta a idade de xubilación e non se revaloricen as pensións ao nivel do IPC, co consecuente empobrecemento da veciñanza da provincia de Ourense”.

Villarino aproveitou a súa intervención para facer fincapé en que o sanchismo supón “a seguridade para as persoas máis desfavorecidas e con menos recursos, no lugar con menos cotizantes e as pensións máis baixas; a axuda co aumento das pensións e a dignificación dos últimos anos de quen empregou a súa vida por nós; a redución das fendas, cubrindo ocos que deixen de ser abismos e igualando para que os menos desfavorecidos non sexan menos que ninguén; a humanidade pondo ao dispor dos e das cidadáns uns mínimos indispensables para vivir sen afogos; poñerse na pel de quen menos ten, para solucionarlle os seus problemas e que poidan chegar a fin de mes; a solidariedade de pedir máis a quen máis ten para darlle a quen máis o precisa; a mellora das condicións de vida para que nos sintamos partícipes dun proxecto compartido que está a construír un país no presente e ten unha guía para o futuro; ou o orgullo polo traballo ben feito a pesar das dificultades, co primeiro goberno de coalición da historia da democracia, no que as virtudes son dende a pluralidade moi superiores aos erros”.

O PSdeG-PSOE de Ourense tamén insta ao líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, a que lle aclare aos ourensáns e as ourensás “se pensa derogar a subida das pensións impulsada polo actual Goberno en caso de chegar a Moncloa”. Os e as socialistas consideran que “non é momento de volver ao pasado con reformas autoritarias e que empobrecen aos veciños e ás veciñas de Ourense, senón de garantir unhas pensións dignas e de futuro para a nosa provincia”.