A Xunta licita a obra de humanización da praza Eladio Rodríguez, en Leiro

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A Xunta licita por preto de 107.000 euros (IVE incluído) a obra de acondicionamento da praza Eladio Rodríguez, tal e como recolle o convenio de cooperación asinado no marco do plan Hurbe o pasado mes de xullo entre a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde do municipio ourensán, Francisco Fernández.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A praza na que se levará a cabo a actuación urbanística está situada preto do Mosteiro de San Clodio, declarado no ano 1981 monumento histórico-artístico, e consistirá, fundamentalmente, na pavimentación das zonas oeste e centro da área. Así mesmo, tamén se renovará o mobiliario urbano coa colocación de bancos e papeleiras, e tamén se establecerá unha zona axardinada co obxectivo de crear un espazo de alameda.

Por outra banda, entre as intervencións previstas no proxecto tamén está a eliminación dos contedores soterrados existentes para substituílos por outros convencionais, os cales serán recolocados pretendendo a mellor integración posible na contorna. Na mesma liña, co fin de contribuír aínda máis a humanizar o espazo, transformarase a rampla actual nunha escaleira co fin de evitar o paso de vehículos e executarase un pequeno muro de mampostería.

Cómpre lembrar que esta actuación, que conta cun prazo de execución de 4 meses, é a quinta comprometida no Concello de Leiro ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas.