Luis Menor amplía a xestora provincial ata 130 membros coa incorporación de todos os alcaldes e portavoces populares na provincia

Logo de formular esta proposta ante a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, na reunión do pasado 21 de decembro

AVANTAR ACTIVIDADES

·       Para o presidente provincial esta é a mellor vía para garantir que chegue a todos os recunchos de Ourense “a mensaxe de seriedade, estabilidade e sentidiño que define o proxecto do PP galego e que levará a conseguir a primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda” 

·       Ademais dos 92 alcaldes e portavoces, tamén integran este órgano os deputados e senadores; os ourensáns que ata agora pertenecían ao grupo popular no Parlamento de Galicia e os que tiñan cargos no Goberno galego; persoas que ata o momento non estaban en primeira liña política; e os membros do novo Consello de Veteranos

3, xaneiro, 2023. O líder do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, asinou hoxe o documento polo que se incorporan á xestora provincial a totalidade dos alcaldes e portavoces do PP, cumprindo así o seu obxectivo de conseguir “a máxima representatividade do partido na provincia”.

Luis Menor fixo efectiva esta mañá a ampliación do único órgano de dirección do partido, logo de formular esta proposta ante a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, no transcurso da última reunión celebrada o pasado 21 de decembro.

O presidente popular defende a incorporación de todos os representantes locais populares como a mellor vía para garantir que neste proceso electoral chegue a todos os recunchos de Ourense “a mensaxe de seriedade, estabilidade e sentidiño que define o proxecto do PP galego e que levará a conseguir a primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda”.

“Xuntamos moita experiencia e moitas gañas de contribuír desde Ourense a Galicia sexan un territorio de certezas, sen depender de ninguén”, engadiu o presidente provincial á hora de valorar a nova composición da xestora.

Trala ampliación aprobada hoxe serán 130 as persoas que pasen a formar da xestora provincial, incluídos o presidente, Luis Menor, e a secretaria, Sandra Quintas. Así, ademais dos 92 alcaldes e portavoces, tamén integran este órgano os 7 representantes nas Cortes Xerais -tres deputados e catro senadores-, as 8 persoas que ata agora formaban parte do grupo popular por Ourense no Parlamento de Galicia; e os cargos ourensáns no Goberno galego –Elena Rivo; José González; Antonio Rodríguez Miranda; Gabriel Alén; e Ana Méndez.

Na lista figuran tamén 15 persoas que ata o momento non estaban en primeira liña da actividade política, entre elas a presidenta da xestora local do PP de Ourense Cidade, Victoria Núñez.

Por último cómpre citar o Consello de Veteranos, formado por persoas cunha amplísima bagaxe política no ámbito municipal.