A nova residencia de Aspadisi poderá acoller ós seus usuarios a finais deste ano

Esta mañá, varios membros da directiva da Asociación Aspadisi do Carballiño informaron sobre a situación actual das obras de futura residencia. Recordamos que esta nova planta contará con 32 prazas, distribuídas en 16 habitacións dobres. Cumprindo os prazos e dando conta do bo ritmo que levan, puidemos comprobar hoxe o seu avance. Segundo un dos membros da súa directiva, Manuel Amil, a finais de ano estará lista para a chegada dos usuarios. Aínda que terán prioridade os membros de Aspadisi, tamén poderán utilizala persoas alleas, de toda a comunidade, ata cubrir prazas.

En canto á financiación, dende a asociación fan un chamamento para conseguir os 200.000 euros restantes, destinados ó equipamento deste espazo. Para iso, acudirán ás obras sociais dos bancos, e tamén a empresas privadas, e volven a pedir a colaboración cidadá.

AVANTAR ACTIVIDADES

As recadacións obtidas no mes de decembro, en tan so un mes, alcanzaron os 25.000 euros, por parte de máis dun centenar de persoas donantes. Todo un éxito, que esperan se poida repetir neste caso, recordando os beneficios fiscais destas doazóns.

Ademais, o pintor Juan Valcárcel elaborou unhas estampas da virxe de Guadalupe. Un total de 500 están a venda, a cambio dun donativo que axude nesta causa.